


A degradación ambiental no século XX
No último século, o desenvolvemento urbano afectou a case todo o litoral da enseada e a todos os seus ecosistemas. En Redondela e Arcade temos vilas con dotacións urbanas e servizos modernos, e a maioría de nós gozamos dunha calidade de vida boa, pero o noso litoral pagou un prezo alto.

Canalizamos os ríos da vila e aterramos as zonas húmidas. Desta maneira, a vila aumentou o seu casco urbano, pero a cambio, hoxe só os nomes da marisma e da xunqueira dan pistas sobre o seu pasado.


Os peiraos e diques facilitan as actividades portuarias á frota, mais cal foi e está a ser o seu efecto nas correntes da ría? A dramática perda de area da praia de Cesantes na última década amosa que algo cambiou na dinámica mariña natural.

Estradas, paseos, muros de contención, casas particulares... O noso litoral viuse cada vez máis estreito, illado e comprimido.

30.000 habitantes, coas respectivas casas, fábricas e estradas, crean moitos residuos. Durante demasiado tempo persistiu a mentalidade de que 'o río leva todo'. Lévao, si, á ría, ata a enseada, e ao noso litoral.
E as fartas de que tanto gozamos... tanto peixe, moreas de marisco... Estamos seguros de que deixaremos suficiente para que os nosos netos e netas tamén poidan gozar del?
Unha xestión integrada para un futuro sostible?
Todos dependemos da Enseada.
Necesitámola economicamente. Son moitos os redondeláns e redondelás que viven da pesca de baixura e do marisqueo, exclusivamente ou en combinación con outros traballos. O turismo, de praia e de deporte, xa supón un importante recurso económico estacional; no futuro podería selo aínda máis.
Pero tamén necesitamos a enseada e o mar doutro xeito. Gozamos del, das praias, das paisaxes, do que significa vivir ao lado do mar. É o noso patrimonio, dentro da nosa vila, dentro de nós.
Un patrimonio compartido cunha tremenda riqueza noutras formas de vida natural. Milleiros de especies interdependentes, que no conxunto forman algúns dos ecosistemas máis produtivos e complexos da península.
A Enseada é un espazo multifuncional: é importante ecoloxicamente, economicamente, e socio-culturalmente. Equilibrar todas as funcións da ría, económicas, ecolóxicas e socio–culturais, é o noso reto se queremos deixar para o futuro un espazo intacto para os nosos cativos e cativas.
Nos albores do século XXI, non nos podemos permitir máis fracasos coma os do século pasado. Porque cando danamos o litoral —ao contaminar, aterrar, interferir nas correntes, e ao sobrepescar— non soamente afectamos a vida salvaxe, senón o funcionamento dos ecosistemas dos que nós mesmos dependemos de tantas formas distintas.
É preciso un sistema de xestión integrada, no que todas as actividades económicas encaixen harmonicamente nun marco acorde co funcionamento ecolóxico da ría. Daquela, é precisa a colaboración, entre todos os cidadáns e cidadás, e entre todos os municipios que lindan ou verten á ría.
Porque o patrimonio é de todos e todas e non hai segundas oportunidades.