A Enseada de San Simón » Os procesos ecolóxicos

A enseada de San Simón é un dos ecosistemas acuáticos máis produtivos de Europa. Para mellor entender a súa bio-produtividade, cómpre ter en conta un fenómeno natural que se dá cada ano no fondo do océano fronte ás costas galegas, e que vai terminar afectando tamén ás rías: o afloramento oceánico. Así, cada ano, arredor da primavera ou verán, cando os ventos dominantes sopran dende o norte-nordeste, estes van desprazar as augas superficiais costeiras cara ao mar aberto, creándose un "baleiro" que provoca o ascenso das augas máis profundas dende o océano ata a superficie para "enchelo". Estas augas profundas son frías e veñen cargadas con nutrientes que chegarán ata o fondo das rías. Na enseada mestúranse coas augas doces dos ríos Verdugo–Oitavén e Alvedosa-Maceiras, creando as chamadas augas "salobres", de baixa salinidade comparada co mar aberto.

A pouca profundidade e a intensidade do sol do verán fomentan que os nutrientes sexan rapidamente aproveitados polas plantas mariñas: o fitoplancto e máis as algas. Esta explosión vital crea a base alimentaria para o resto de formas de vida das augas mariñas redondelás. Ademais, a relativa "quietude" da auga, lonxe do mar aberto, convértea nun acaído refuxio para moitos animais, desde aves ata moluscos, e unha importantísima zona de cría para moitas especies emblemáticas da ría, dende a ameixa e a ostra, ata o choco e a faneca.

Debido ás mareas, o nivel da auga sobe e baixa unha media de 3 m, dúas veces ao día. Vivir na zona intermareal non é fácil, xa que hai que aturar pasar parte do día cuberto de auga salgada e outra parte baixo influencia da auga doce ou ficar exposto ao aire. As algas, plantas e animais que habitan esta zona están moi especializados, de aí que o litoral sexa unha zona de enorme interese ecolóxico.

No litoral, a proporción de cada día que se está baixo da auga e a proporción que se está fora é quizais o factor máis determinante da fauna e flora que o poden habitar. De feito, identificamos unha serie de bandas ecolóxicas, máis ou menos paralelas á liña de costa, dende as rochas ou dende a parte superior da praia, onde nunca chega o mar, ata a zona sempre cuberta pola auga, incluso coas mareas máis baixas. Estas bandas representan tres grandes zonas ecolóxicas litorais: a supralitoral, a mesolitoral, e a infralitoral.